1-Que é unha rúbrica?
É unha ferramenta para axudar á avaliación que pode resultar especialmente útil cando hai que avaliar aspectos complexos, imprecisos ou subxectivos. Consiste en preparar unha matriz de valoración que recolla os elementos que queremos avaliar e fixe, en cada un deles, os criterios que usaremos para darlles un valor ou outro.
2-Utilidade
A rúbrica é útil para establecer de forma clara e precisa os elementos que compoñen unha actividade de aprendizaxe determinada e axuda, por tanto, a dispoñer dunha guía explícita para realizar a tarefa, o que resulta beneficioso para os alumnos.
As rúbricas son especialmente útiles para realizar unha avaliación obxectiva e consistente de actividades como traballos grupais, presentacións orais, traballos escritos individuais ou prácticas en laboratorio, entre outras.
3-Tipos de rúbrica?
Comprehensiva, holística ou global: a que considera a execución do alumno como unha totalidade sen xulgar por separado as partes que a compoñen. Permite cualificar a totalidade do traballo.
Analítica: mediante ela avalíase por separado as diferentes partes ou compoñentes do produto ou desempeño, de modo que a retroalimentación que pode proporcionarse ao alumno é máis complexa, ampla e definitiva.
4-Para quen?
Utilizada como ferramenta de avaliación, a rúbrica é útil para o profesor; se se usa como ferramenta de traballo conxunto (avaliación formativa), tanto o profesor como o alumno poderán saír beneficiados.
Para o profesor supón unha axuda encamiñada a:
- Definir claramente a tarefa e os obxectivos de aprendizaxe aos que responde, así como o modo de alcanzalos, o que promove que o alumno aprenda mellor;
- Especificar os criterios de avaliación;
- Concretar e describir cualitativamente, non só cuantitativamente, os distintos niveis de logro que o alumno pode alcanzar (cales son as evidencias desexadas para constatar o nivel de logro das competencias/obxectivos definidos previamente?);
- Clarificar e vincular obxectivos de aprendizaxe e avaliación coas actividades e contidos do curso;
- Reducir a subxectividade da avaliación;
- Medir o desempeño do alumno mediante criterios cuantitativos, cualitativos e/ou mixtos.
5-Para o alumno supón:
- Un coñecemento das pautas que ha de seguir para alcanzar o éxito na tarefa encomendada;
- unha guía eficaz para revisar os seus traballos antes de entregalos finalmente ao profesor;
- unha ferramenta eficaz para a autoavaliación xa que mediante ela pode identificar facilmente as súas fortalezas e debilidades nas áreas que debe mellorar;
- coñecer os criterios cos que vai ser avaliado, o que é unha axuda para organizar e dirixir o seu estudo dun modo ou outro;
- unha ferramenta eficaz para valorar aos compañeiros (no caso de que se use a avaliación por pares);
- a adquisición dunha maior conciencia do seu propio proceso de aprendizaxe; traballando coa rúbrica pode ver o proceso que seguiu para chegar ao dominio ou non dunha competencia ou tarefa, que lle custou máis ou que non, etc.
FONTE: Imágenes Educativas
Ningún comentario:
Publicar un comentario