As TIC constitúen un elemento máis no proceso de intervención co alumnado que precisa apoio na área da comunicación, linguaxe e fala. Por tanto, o seu uso está relacionado coa avaliación, cos obxectivos, coa selección doutros recursos; dependen en gran parte da metodoloxía e están integradas na secuencia de actividades. A resposta educativa ás necesidades do alumno ou alumna abarca tanto o contexto escolar (centro, aula ordinaria e aula de apoio) como o contexto familiar.
Xunto a isto, consideramos que comunicación, linguaxe e fala non constitúe un ámbito illado, senón que está relacionado co resto de áreas de desenvolvemento e coa maioría de áreas curriculares, existindo por tanto unha estreita relación coas competencias básicas.
Estas son algunhas das razóns para utilizar as TIC:
- Permiten a participación dos ACNEAES en contornas inclusivas.
- Permiten aproveitar a canle visual, unha das fortalezas que posúen a maioría dos nosos alumnos.
- A motivación que neles esperta o uso dos computadores e outros dispositivos móbiles facilita a aprendizaxe e o adestramento de habilidades específicas da nosa área.
- A versatilidade da tecnoloxía ofrece a posibilidade de adaptar en función das necesidades de cada alumno, de axustarnos ao que cada un necesita.
- Facilitan o uso de metodoloxías activas e contribúen á personalización da aprendizaxe. Posibilitan a interacción, favorecendo actitudes de axuda e colaboración.
- Contribúen a centrar a atención e ao desenvolvemento da memoria, capacidades básicas en todo proceso de aprendizaxe.
- Achegan a realidade e facilitan a comprensión do abstracto.
- Permiten que o alumno aprenda en calquera momento, en calquera lugar e con calquera dispositivo.
- Fomentan a iniciativa e a autonomía na realización de tarefas.
- Facilitan a selección e organización de recursos, convenientemente catalogados.
- E por último, facilitan o establecer canles de colaboración co resto de profesionais e coa familia.
FONTE: Lucía Fernández Vivancos
Ningún comentario:
Publicar un comentario