O BUCEO ADAPTADO CHEGA A VIGO

Os alumnos da escola do AMFIV terán este sábado, 10 de xuño, un bautismo de mergullo.

O Club Amfiv organiza este sábado pola tarde unha xornada de iniciación ao mergullo. Na xornada, que se celebrará no Ximnasio Athenas, participarán alumnos da escola deportiva municipal de natación do AMFIV. No evento colaboran a Escola "Soporte Vital", o Ximnasio Athenas e a escola de mergullo "Ollo do Mar".
Ademáis, segundo informa o club vigués, o domingo pola mañá os integrantes do AMFIV participarán na última xornada da liga Escolar de Natación.
Esta xornada de iniciación ao mergullo xorde case por casualidade. Aínda que a Escola "Soporte Vital" tiña pensado organizar esta actividade non lograron os apoios necesarios para levalo a cabo.
Fran Ferreira, responsable da escola comentoulle a idea á xogadora do AMFIV, Vicky Pérez. "Cando lla expliquei mostrouse entusiasmada e rapidamente comentoume que formaba parte dun club, o AMFIV, e púxome en contacto co seu presidente. A partir de aí as cousas fluíron rapidamente e fóronse sumando vontades de xente que querían colaborar como Daniel Rotea e o Ximnasio Athenas ou Xan Gasalla e a Escola de Mergullo "Ollo do Mar" para que finalmente se poida levar a cabo a actividade", explica Ferreira, técnico acreditado tanto en mergullo como en mergullo adaptado.

Ademais, a Escola "Soporte Vital" realizará un Obradoiro de Reanimación Cardio Pulmonar. Unha actividade dirixida tanto aos propios alumnos da escola do AMFIV como aos seus familiares, voluntarios da entidade ou representantes doutras asociacións de discapacitados.
FONTE:dxtadaptado.com 

Ningún comentario:

Publicar un comentario